Titiriberia. Olladas sobre os cristovos.

Aí chegan as monifateiras para encher de risos o verán rianxeiro! Chegan de lonxe e de non tan lonxe, a patria de todas elas son os camiños; os seus fogares, as prazas e as feiras, e agora tamén os teatros, as praias, as casas veciñais e as da cultura. Alí onde hai persoas con curiosidade, alí hai unha titiriteira, un titiriteiro disposto a contar unha historia. Os fantoches non entenden de fronteiras, afeitos a percorrer continentes sen máis pasaporte que a súa cachaporra.
Expertos en moverse polo mundo, os titiriteiros deseñaron fórmulas incríbles para levar as súas historias o máis lonxe posible. E así atopámolos contando marabillas en formato mínimo, no lambe lambe que lle fala a unha soa persoa cada vez, no espazo máxico do Campo de Arriba. Achegádevos sen medo, as titiriteiras veñen con ganas de contar os seus segredos. Falaranvos das súas técnicas, dos seus soños e pesares, das súas teimas por facer do mundo un lugar mellor. Chegan de todos os puntos da Península, desde o sul do Miño até os Pirineos, nos seus carromatos adobiados para a ocasión. Traen o xogo e a festa, a música e as feiras con toda a súa tropa habitual: xigantes e cabezudos, fenómenos e charlatáns, romanceiros e acróbatas…
Tamén veñen ao encontro de palabras, de ideas e de reflexións compartidas, pois é solitaria a vida da artista ambulante e presta tamén xuntarse coas iguais. Rianxo convértese, un ano máis, en refuxio de monifateiras, teimosas na súa procura dun mundo en paz.