Titiriberia. Olladas sobre os cristovos.
PROGRAMA COMPLETO no web
Díptico co programa resumido en pdf
Presentación
Xentes de Rianxo e da contorna! Prepárense porque volven os títeres!! E con eles, a festa e a irreverencia suma, a celebración da liberdade e a diversidade. Na súa oitava edición, o Titiriberia quere desenterrar do inxusto esquecemento as historias dalgunhas artistas ilustres que tamén foron titiriteiras.
Cen anos despois de que García Lorca presentara o seu Teatro de Cachiporra, queremos lembrar que houbo unha época luminosa na que o teatro de monicreques danzaba coa literatura e as artes plásticas, e que daquela mestura xurdiron obras mestras e sobre todo, grandes alegrías.
Veremos danzar de novo polas rúas da vila o Peito de Lobo que imaxinou Castelao ou o Barriga Verde tanto en versión xigante coma en diminuta. Acolleremos o curmán brasileiro da familia dos pulcinellas, o mamulengo, e aprenderemos desa tradición e das doutras latitudes. Visitarannos un ano máis, chegados do Sul do Miño, os queridos robertos e as súas divertidas historias.
Daranos tempo para pensar sobre a relación máxica do titiriteiro e o seu boneco, para rir ao pé de praia das trasnadas dos monifates, para vestir as nosas mellores galas cabareteiras na noite das varietés. Non deixedes de acompañarnos, porque esta semana Rianxo é pura comedia!