A memoria arredor dos títeres e cabezudos no período anterior ao golpe de 1936 é un dos eixes do VIII Titiriberia. No programa explicamos o interese que a alta cultura da época tiña polo teatro de bonecos a través da conferencia de José Luís do Pico Orjais encol de Castelao e os cabezudos de Rianxo e mais cunha mesa redonda específica sobre a época.
Canda a isto, o Romance de Peito de Lobo que achega Maese Seisdedos ao programa escénico ou os cabezudos da Festa dos Títeres axudarán a pór de relevo pegada desa época neste sentido. A organización do festival realizará ademais homenaxes nas tumbas e monumentos que lembran a Castelao, Dieste, Maruja Mallo e outros persoeiros relevantes da vila.
Ademais, a coincidir cos cen anos da posta en escena da súa A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón, pioneira obra de títeres de Federico García Lorca, o noso programa recolle a reinterpretación desta historia popular que realiza Viravolta Títeres con A regadora do asubiote. E, por suposto, promovemos, con Trécola Producións, a estrea de Coa música a outra parte, que leva a escena con bonecos textos de Dieste.
Consulta aquí o programa completo desta edición do festival.
MESA REDONDA
Títeres e plástica teatral na II República
Conducida por Comba Campoi
A mesa redonda desta xeira do festival abordará a historia dos títeres en Galicia durante a II República.
O teatro de monicreques evolucionou ao longo da Historia como unha forma teatral eminentemente popular e por tanto de transmisión oral. Este factor, xunto coa importancia que os diálogos improvisados adoitaba ter nos guións, explican a práctica inexistencia de textos para teatro de títeres até o século XIX. Nese momento, o teatro popular de monifates, representado por artistas ambulantes que percorrían as feiras e romarías cos seus bonecos ao lombo, dando vida a personaxes arquetípicos que protagonizaban historias fantásticas ao tempo que irónicas coa realidade, fascinou a moitos dos autores das avangardas europeas chegado o século XX. Autores como Gordon Craig ou Alfred Jarry escribiron pezas para seren representadas por títeres, e en España un grande número de autores, como Alberti ou Lorca, tiveron nas farsas guiñolescas un elemento de inspiración fundamental.
A mesma admiración polo mundo dos artistas ambulantes e as farsas que representaban os monicreques experimentouna o rianxeiro Rafael Dieste, autor de numerosas pezas teatrais, algunhas para títeres e outras, onde os títeres ou os titiriteiros xogaban un rol importante na historia. Como fundador do Teatro de Guiñol das Misións Pedagóxicas, encargado de levar as distintas manifestacións artísticas polo rural ibérico, escribiu algunhas pezas para seren representadas, como La doncella guerrera. Durante a Guerra Civil publicou na revista Nova Galiza, que el dirixía, textos de combate como El moro leal, subtitulado Marionetas en batalla. Tamén deste período é El nuevo retablo de las marabillas, onde a homenaxe a Cervantes se combina coa metáfora antifascista.
Pola súa banda, a viveirense Maruja Mallo é unha das integrantes máis destacadas da chamada Idade de Prata da Xeración do 27. Nos seus anos como estudante na Academia de Artes de San Fernando empapárase do ambiente popular dos bairros madrileños, que soubera captar na súa serie Verbenas e Campanarios. A partir de 1929, realizará distintas escenografías para espectáculos, en colaboración con Rafael Alberti ou Ernesto Hafter. Nelas é palpábel a súa fascinación polo teatro de títeres, que se incrementará tras a visita a Madrid do Teatro dei Piccoli de Victorio Podrecca. Entre 1931 e 32 estudou escenografía en París, e nos anos da II República colaboraría coa Barraca e coas Misións Pedagóxicas. Xa no exilio arxentino, realizando a escenografía da montaxe Cantata en la tumba de Federico García Lorca (1937) na que participou a actriz Margarita Xirgú.
Estas dúas figuras son só dous exemplos da influencia das formas teatrais populares na actividade creativa dun grande número de creadores e creadoras que consideraban que as artes tiñan que comprometerse coa realidade social da súa época e contribuír á mellora da vida das persoas. Esta vinculación das formas teatrais ou parateatrais e as artes de vangarda será abordada polas persoas participantes nesta mesa.
Desde o plano académico, Xosé Luís Axeitos e Eugenio Otero Urtaza abordarán a figura de Rafael Dieste, mentres que María Antonia Pérez afondará na contribución de Maruja Mallo á plástica teatral nos seus traballos escenográficos.
Pola outra banda, a actriz Tero Rodríguez encarnará a artista viveirense para facela partícipe do acto e a titiriteira Isabel Rey de Monicreques de Kukas relatará o proceso de montaxe de La doncella guerrera de Dieste durante as actividades de conmemoración das Misións Pedagóxicas celebradas en 2006.
Con anterioridade á mesa redonda, a organización do festival homenaxeará a Rafael Dieste cunha ofrenda no cemiterio de Rianxo.