
O festival, que programa En Rianxo este ano 24 funcións de 17 compañías diferentes, continúa mañá cos obradoiros dentro dos campamentos de verán do Concello
Rianxo, 27 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.
A programación continúa mañá venres ás 11.00 horas no Campo Maneiro de Taragoña coa obra Marieta e o Boi Bumbá, da formación aragonesa-brasileira de Trapusteros Teatro. O espectáculo, pensado para o público familiar, preséntanos dous personaxes típicos do mamulengo, xénero do teatro popular do Brasil. Marieta é unha nena que vive nunha granxa cos seus pais e ten un boi pequecho chamado Bumbá, que acaba por escapar un día. En caso de choiva, a función trasladarase ao pavillón municipal de Taragoña, ao lado do CPI Brea Segade.
Ás 12.00 horas, no Auditorio de Rianxo, a compañía galega Os Monicreques de Kukas ofrece un pase do espectáculo para público familiar Viva Vivaldi. Esta peza conmemora o terceiro centenario da composición d’As catro estacións. A efeméride é a mecha para un espectáculo de historias curtas no que se presentan as mudanzas que se producen en cada unha das estacións.
Ás 22.30 horas chegará ao Auditorio Municipal de Rianxo a quenda dunha nova entrega d’As varietés do Barriga Verde, espectáculo de variedades que cada ano Titiriberia presente como produción propia. Desta volta, a mestra de cerimonias será a actriz e dramaturga Clara Gayo, quen se encargará de conducir unha velada na que se sucederán, nun ambiente de cabaré para o público adulto, os números de artistas e compañías como Tïteres Alakrán, Ura Vázquez García, Santi Prego, Natalia Pajarito, Teatro Ariños, Os Monicreques de Kukas e Ostomila Tïteres. O acompañamento musical correrá a cargo do Cuarteto de Escola de Música de Rianxo.
Curso de dramaturxia
Marcos Pena e Izabela Brochado, responsables de Trapusteros Teatro, iniciarán mañá venres o curso de formación que impartirán ao redor da dramaturxia dentro do mamulengo, xénero popular brasileiro no eido dos monicreques. Este obradoiro, que se estenderá até o domingo en varias sesións, está orientado principalmente ao público profesional.
Mañá venres pecharanse os obradoiros de creación de monicreques que Titiriberia está a ofertar esta semana dentro do Campamento de Verán do Concello de Rianxo. Esta última sesión celebrarase no CEIP Ana María Diéguez, en Asados.