Tanxarina, Red Cloud Teatro de Marionetas e Ostomila Títeres protagonizan o Titiriberia de sábado

Titiricircus, de Tanxarina

O festival, que programa en Rianxo este ano 24 funcións de 17 compañías diferentes, rematará o domingo coa conmemoración do 90º aniversario de Airiños

Rianxo, 27 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

A programación continúa mañá sábado ás 13.00 horas na Praia de Tanxil, cuxo escenario recibirá a obra Titiricircus, de Tanxarina Teatro. A veterana compañía galega achega ao festival esta peza, que xa é un clásico dos monicreques galegos. Trátase dunha lembranza fantástica e festiva do gran circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores circenses que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. En caso de choiva, a función trasladaríase ao Auditorio de Rianxo.

Na mesma praia, ás 18.30 h., a compañía vasca-nicaraguana Ostomila Títeres ofrecerá o seu espectáculo Alaia Galtzagorria: contos da nosa mitoloxía. Nesta peza de monicreques de luva, trázase un percorrido polas tradicións e as lendas de Euskadi. A obra conta co acompañamento musical ao vivo grazas á actuación de Garazi Navas. . En caso de choiva, a función trasladaríase ao Auditorio de Rianxo.

Ás 21.00 horas, no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro, o público familiar poderá gozar co Teatro Dom Roberto, espectáculo da compañía portuguesa Red Cloud Teatro de Marionetas. A obra representa dúas das historias máis aclamadas do repertorio do Dom Roberto, o personaxe histórico do teatro de cachaporra no país veciño: O Barbeiro e A Tourada.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: