O personaxe tradicional galego Barriga Verde e o italiano Pulcinella protagonizan a xornada de venres no Titiriberia

Ás 22.30 horas, o Auditorio de Rianxo acollerá ‘As varietés do Barriga Verde’, un espectáculo de variedades que inclúe as actuacións de Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Teatro Ariños ou Santi Prego con Jorge de Arcos

Rianxo, 28 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa mañá venres 28 de xullo cun programa de catro funcións no que o protagonismo recaerá en dous personaxes tradicionais do teatro de cachaporra: o galego Barriga Verde e o italiano Pulcinella. 

A actividade comezará ás 12.00 horas no Campo Maneiro de Taragoña da man a Títeres Alakrán, que representará a súa obra Barriga Verde ataca de novo. A compañía galega recupera este personaxe nunha peza no que o titiriteiro mestura a actuación diante do público co emprego da palleta detrás do escenario, todo para actualizar a Barriga Verde e traelo aos nosos días

Xusto unha hora despois, ás 13.00 horas, a Praia de Tanxil converterase nun escenario para recibir a Pulcinella, espectáculo da italiana Irene Vecchia. Desde Nápoles chega a Titiriberia un dos mellores exemplos da tradición do teatro de monicreques europeos. Este personaxe italiano, con máis de 500 anos de existencia, cruzará nesta peza cos seus contrincantes clásicos: o can, a morte o carabineiro ou o monxe. 

Xa pola tarde, ás 18.30 h. na Praia da Torre, a compañía galega Títeres Brincadeira presentará a súa montaxe A carteira de Augasclaras. A través da correspondencia que transporta, a carteira de Augasclaras cóntanos as aventuras de toda unha serie de personaxes: a tartaruga Clementina, a elefanta Rosa Caramelo ou a rapariga que o abandona todo por lle gustar o seu grande amor. 

Para rematar a xornada, ás 22.30 h., Titiriberia estreará a segunda produción propia desta edición. Trátase de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo de variedades que pretende reproducir dende unha óptica actual o show que a familia Silvent ofrecía na súa barraca e no que estaba incluída a peza de Barriga Verde. Música ao vivo, marionetas e gags de clown sucédense nunha montaxe que, presentada por Antía Costas, contará coas actuacións de Pajarito, Larratiz Urruzola, Títeres Alakrán, Títeres Cascanueces, Santi Prego con Jorge de Arcos, Teatro Airiños e Irene Vecchia. A música ao vivo correrá a cargo dun cuarteto da Escola de Música de Rianxo, coordinado por Bernal Muíños. 

30 compañías e artistas

O Festival Titiriberia na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal. 

PROGRAMA COMPLETO

Tamén che podería gostar...

1 Response

  1. The next time I read a blog, Hopefully it doesnt disappoint me as much as this particular one. After all, Yes, it was my choice to read, nonetheless I actually thought you would probably have something interesting to say. All I hear is a bunch of crying about something that you could possibly fix if you were not too busy looking for attention.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *